Educando en Familia- O noso Lema

Educando en Familia-  O noso Lema

lunes, 21 de junio de 2021

Roteiro até o Bosque Encantado de Sarandón

O mestre Antonio sempre di que é importante coñecer de onde é un/unha para poder volver cando se queira, e iso foi o que fixemos o pasado xoves nun roteiro pola parte alta da parroquia de Sarandón até chegar a Cimadevila e ao Bosque Encantado.

Antes de saír aprendemos aspectos que nos poden axudar a orientarnos no caso de que nos perdamos como a saída e a posta do sol de leste a oeste, a localización do musgo cara o norte..., equipámonos cuns chalecos reflectantes moi chulos para ser ben vist@s polos vehículos que nos puideramos atopar, cargamos as mochilas con auga e algo para tomar na parva e collemos as gorras, pois ía facer moito calor.

Polo camiño aprendemos moitas curiosidades da natureza coma que os pampillos son unhas plantas de flores amarelas que medran moito nas fincas descoidadas, que a flor do castiñeiro chámase candea e é fosforescente, a diferenciar o codeso da xesta (máis longa e dura), as piñas e os piñóns dos pinos mansos fronte ao bravos, os bosques cultivados onde as árbores están ordenadas en ringleiras fronte aos salvaxes; a clasificar as flores en umbrella ou en racimo en función da súa forma de medrar... Xogamos cos estalotes, Andrea e Nico colleron menta por se algún compañeiro/a tiña a mala sorte de ortigarse, e observamos como a Serra de Penas Pardas protexe a Sarandón dos ventos do norte.

Pasamos pola Fonte Fría que da de beber ao río Ulla e calculamos os anos que pasaron dende que se construíu até que se fixo o lavadoiro que está ao seu carón.

Visitamos as casas de xente moi importante da aldea coma a de Rita, onde vive Natalia Barreiro Piñeiro, unha antiga alumna da escola que está a traballar nun centro de investigación elaborando unha vacina galega contra o covid que xa se está testando en Alemaña; a de Fortunato, o avó de Gabriel, que é o que máis sabe do arredor sobre as viñas, ou a casa dos avós de Clara, onde Senén e Carmiña nos amosaron todo un museo de apeiros de labranza e doutras curiosidade que tiñan no alpendre: xugo, arado, pesas, un molido (para levar a cesta na cabeza), atadores para atar os monllos de trigo, unha bota das de beber,..., e incluso un caínzo onde vivían as galiñas chocas feito polo bisavó de Xoel e Xiomara. Tamén puidemos saudar a Luís, bisavó de Enzo e Luca, vimos dende lonxe a casa de Andrea e a cuadra da súa egua Triana e entramos na de Lupe a ver a Regidora, o seu poldro Braco e as rulas.

No Bosque Encantado camiñamos con coidado sobre un chan brando coma un colchón na busca da cova do Dragón Colorado, atopamos unha cabana feita pol@s nen@s meses atrás que resistiu fronte as inclemencias do tempo, perseguimos ao Rukutrú e, cando xa pensabamos que o tiñamos atrapado, descubrimos que era Antonio agochado entre os fentos. A este paxaro trouleiro non conseguimos velo, pero si atopamos un agasallo que deixou para nós entre a maleza que saboreamos durante a parva. Na súa busca, tamén descubrimos algunhas tobeiras e un cranio dun animal pequeno. Pertencería a un coello? A unha marta? A un roedor? A un animal carnívoro? Como sería a súa vida? Comeríao o Dragón Colorado? Cantas preguntas sen resposta e que ganas de investigar para sabelas todas.

Despois de tomar a parva e de descansar un pouquiño para coller alento xogamos ao pi. Xa aprenderamos este xogo no patio da escola na clase de educación física, pero aquí foi moito máis divertido aproveitando a espesura do bosque para agocharnos tras as árbores e a vexetación. Iso si, tivemos que ter moito coidado ao correr para non tropezar cos fentos, paus ou raíces. Chamounos a atención que no chan había moitos restos da cortiza dos eucaliptos e aprendemos que se trata dunha árbore pirófita porque a súa “pel” é tan lixeira que voa co aire e propaga moi ben o lume.

Foi unha mañá incrible, cinco horas de actividade intensa onde ademais de desfrutar ao aire libre aprendemos un milleiro de cousas sobre a natureza e a nosa parroquia e todo iso reflectiuse no sorriso das nosas caras durante o camiño de volta á escola. Agardamos non tardar moito en volver repetir unha experiencia coma esta, pois seguro que quedan moitos segredos ocultos por descubrir en Sarandón e cun guía de luxo coma o que levamos non se nos poderán resistir. Non si Antonio?





No hay comentarios:

Publicar un comentario