Educando en Familia- O noso Lema

Educando en Familia-  O noso Lema

miércoles, 28 de abril de 2021

Día Mundial da Saúde

 


O pasado 7 de abril foi o Día Mundial da Saúde e, como non podía ser doutra maneira, decidimos celebralo nas nosas escolas destacando a súa importancia. Estes tempos tan duros e complicados que estamos a vivir estannos a facer máis conscientes se cabe dela.

A OMS define a saúde coma o “estado completo de benestar físico, mental e social e non so a ausencia de enfermidade”. Por iso debemos coidarnos moito todos os días do ano incorporando ás nosas vidas unha serie de hábitos saudables. O noso alumando parece telos moi claros e así os plasmou en diferentes murais: a inxesta de 5 comidas diarias, adoitar unha dieta equilibrada con abundante consumo de verduras e froitas, unha boa hidratación, a hixiene corporal, a realización de actividade física diaria, a redución do tempo adicado ás pantallas, un bo descanso e adicar parte do noso tempo a darnos bicos e abrazos foron algunhas das súas aportacións.

Para ampliar o seu coñecemento sobre o funcionamento do noso corpo, elaboramos lab-books onde poder aprender novos aspectos sobre o aparello locomotor estudando osos e músculos, e os compoñentes dunha dieta equilibrada mediante a pirámide alimenticia e a elaboración de pratos saudables, respectando as proporcións recomendadas dos diferentes nutrientes.

Tamén realizamos xogos sensoriais identificando como percibimos a realidade a través dos diferentes sentidos, e practicamos primeiros auxilios aprendendo a facer a manobra da RCP básica.

Rematamos o día coa realización dunha carreira cooperativa en cada escola onde o importante non era gañar senón cruzar tod@s xunt@s a meta cos nosos dorsais reivindicativos, previamente elaborados, nos que cada un/unha plasmou un lema ou un hábito saudable. Sen esquecer o quecemento e os estiramentos posteriores tan necesarios para evitar lesións.

A aperta ao Carballo das mentiras de Sarandón pechou esta xornada recordándonos que o amor e o coidado pola natureza son fundamentais para a nosa saúde.

miércoles, 21 de abril de 2021

Unha clase de Ciencias Naturais moi especial

         O pasado martes tivo lugar na casa da profe Raquel un gran acontecemento: o nacemento dos seus pitiños e gatiños. Así que, como non hai mellor forma de aprender que observar a realidade, decidimos facer un roteiro até alí para empaparnos do que a natureza nos ten que ofrecer e estudar de cerca curiosidades sobre estes animaliños e outros máis coma os peixes, os coellos ou as galiñas. Aproveitamos para recoller os ovos e ver o muíño de pedra onde se moe o gran para facer a fariña coa que se elaboran biscoitos, empanadas ou as filloas que tanto nos gusta comer no entroido. Volvimos á escola por un camiño distinto para aproveitar e coñecer ben a nosa contorna, prestando moita atención ás normas de seguridade viaria a ter en conta cando camiñamos por vías polas que poden circular vehículos.

        Foi unha xornada moi divertida e especial que agardamos poder repetir en próximas ocasións.




viernes, 2 de abril de 2021

Peregrin@s no Camiño

A comezos deste ano recibimos un misterioso vídeo dunha peregrina que precisaba da nosa axuda. Estaba moi desorientada e non sabía cara onde se tiña que dirixir. Tempo despois descubrimos que se chamaba Exeria e que estaba facendo o Camiño de Santiago, así que decidimos axudala a chegar ao seu destino e de paso aprender moitas cousas sobre este Camiño. Foron tantos os retos superados grazas ao noso traballo constante que nos picou a curiosidade de coñecer en persoa iso do que tanto falamos nas aulas, así que moitas das nenas e nenos das diferentes escolas aproveitaron o seu tempo de lecer para ir coas súas familias na procura de sendas, camiños e monumentos, servíndose da sinalización típica destas vías. Algunha que outra mascota tamén quixo acompañal@s na aventura e mesmo algún animouse a facer o camiño en bicicleta ou incluso en cabalo.