Educando en Familia- O noso Lema

Educando en Familia-  O noso Lema

domingo, 27 de junio de 2021

A HORTA EN SAN FINS

Este curso foi diferente, comezamos despois de estar meses sin vir ao cole, a nova normalidade trouxo rutinas as nosas vidas que antes non tiñamos: uso da mascarilla, lavado de mans con frecuencia, desinfección, grupos burbulla, non compartir, non abrazar... pero tiñamos tantas gañas de volver que fixemos que todo isto sexa agora rutinas sinxelas que facemos con normalidade.
Unha das cousas que mais botamos de menos foron as nosas excursións, só poidemos facer algunha saída a contorna.
Outra actividade que o ano pasado tivemos que deixar sen facer foi o nosa horta. Este curso retomamos esta actividade, volvemos a preparar todo para poder plantar de novo.
A horta necesita moitos coidados , preparamos a terra, reutilizamos o plástico que tiñamos para que non sairan malas herbas, botamos un pouco de abono e comezamos a plantar. 
Este ano plantamos: leituga, tomate, perexil, tirabeques, fresas, calabacín, espinacas. A pesar de todo o que plantamos tivemos mala colleita: as leitugas coméronas os caracois e as fresas viñeron con moito atraso, o resto da colleita segue medrando!












martes, 22 de junio de 2021

ESCOLAS DEPORTIVAS DE VEDRA

 Deixámosvos aquí a información por se estiverades intresadas/os en apuntarvos a fútbol nas escolas deportivas de Vedra. Animádevos!!!





lunes, 21 de junio de 2021

O que dou de si a clase de reli neste curso tan peculiar!

 

Sen dúbida este ano foi un curso moi peculiar, por iso, centrámonos no aspecto emocional e en actividades nas que se traballara o valor das cousas, da amizade e principalmente da familia, sempre dende o punto de vista cristiá e con Xesús e Pombiña como os nosos guías nesta viaxe  que vivimos nas aulas no curso 2020- 2021.

Dada a situación sanitaria na que nos atopamos, déuselle moita máis importancia ao traballo manipulativo que ás fichas propiamente ditas. O feito de favorecer a estanqueidade nas aulas, fixo que o percorrido polas escolas fose diferentes. Por iso creáronse 2 proxectos por trimestre par traballar cada semana que se estaba nas escolas.

Deste xeito, coñecimos aplicacións como “Educaplay”, “Genially”… cos que descubrimos diferentes xogos, tipo memory, sopa de letras, puzzles, escoller respostas sobre vídeos vistos previamente…e outro xogos manipulativos que nos axudaban a adquirir os contidos e todo iso según a temática que estivéramos a traballar en cada momento.

Para iso, comezamos coa presentación de Pombiña, a nosa mascota. Fíxonos ver o importante que son os nosos seres queridos e decidimos demostrarlles o moito que os queremos e o agradecidos que estamos por todo o que fan por nós.

De seguido, presentamos o libro de Xesús, a Biblia, como a biblioteca dos contos que contaba Xesús para explicar as súas ensinanzas. Para axudar, Pombiña tróuxonos o seu xogo, o “Xogo de Pombiña”,  no que nos ensina a viaxe de Xesús dende que nace ata que vai para o seu Reino de amor. Un xogo similar ao “Xogo da Oca” pero no que o alumnado son as fichas e en cada parada tiñan que facer una proba. Chegamos a Nadal descubrindo o seu verdadeiro significado, o cumpre do noso amigo Xesús.

No segundo trimestre, valoramos os agasallos de Nadal e embarcámonos na conmemoración do día da Paz. O prato forte foi a canción “Contágiame tu Paz”, de Unai Quirós, na que se nos convida a encher o mundo de Amor e Paz . Deixamos reflexado os nosos mellores desexos para esta conmemoración co “Semáforo da Paz”, actividade que, en algunhas escolas, fixemos conxuntamente co alumnado de alternativa e no que distinguimos as boas accións das que non nos gustan. Rematamos ese trimestre celebrando a  Pascua: aproveitamos para traballar con robótica os acontecementos da Semana Santa e  con unha búsqueda de ovos de chocolate, que conseguimos non antes sen pasar unhas probas, entre as que estaban un bingo, formar ovos e ata tivemos que colocamos o rabo ao coello de Pascua.

Entramos no último trimestre traballando diferentes valores tan importantes no noso día a día e que Xesús e Pombiña non convidan a poñer en práctica. Para iso tamén levamos a cabo unha dinámica con globos na que, nun primeiro momento cada neno/a tiña un tempo para buscar o globo co seu nome, de seguido, propúxoselles que buscasen calquera outro globo en moito menos tempo e así como foi  todos eles conseguiron un, que finalmente decidimos facer felices aos demais agasallándolles a cada neno/a co seu globo. Ao rematar fixemos unha pequena reflexión comparando os globos coa nosa felicidade, que si só buscamos a nosa propia, ás veces non a temos, pero si buscamos a dos demais, podémola atopar dun xeito máis doado.

Para rematar o curso, Pombiña propúxonos rematar como  comezamos, valorando á nosa familia todo o que fan por nós. Dado que maio é o mes das mamás, da familia, das flores… fixemos unha flor con unha mensaxe chea de cariño.

Agora toca descansar e disfrutar de unhas máis que merecidas vacacións. Gracias por formar parte e participar das aventuras que Pombiña nos conta, xa está argallando cousas novas para o vindeiro curso...esperámosvos!!!

De seguido, podedes ver un vídeo resumo deste curso:



Roteiro até o Bosque Encantado de Sarandón

O mestre Antonio sempre di que é importante coñecer de onde é un/unha para poder volver cando se queira, e iso foi o que fixemos o pasado xoves nun roteiro pola parte alta da parroquia de Sarandón até chegar a Cimadevila e ao Bosque Encantado.

Antes de saír aprendemos aspectos que nos poden axudar a orientarnos no caso de que nos perdamos como a saída e a posta do sol de leste a oeste, a localización do musgo cara o norte..., equipámonos cuns chalecos reflectantes moi chulos para ser ben vist@s polos vehículos que nos puideramos atopar, cargamos as mochilas con auga e algo para tomar na parva e collemos as gorras, pois ía facer moito calor.

Polo camiño aprendemos moitas curiosidades da natureza coma que os pampillos son unhas plantas de flores amarelas que medran moito nas fincas descoidadas, que a flor do castiñeiro chámase candea e é fosforescente, a diferenciar o codeso da xesta (máis longa e dura), as piñas e os piñóns dos pinos mansos fronte ao bravos, os bosques cultivados onde as árbores están ordenadas en ringleiras fronte aos salvaxes; a clasificar as flores en umbrella ou en racimo en función da súa forma de medrar... Xogamos cos estalotes, Andrea e Nico colleron menta por se algún compañeiro/a tiña a mala sorte de ortigarse, e observamos como a Serra de Penas Pardas protexe a Sarandón dos ventos do norte.

Pasamos pola Fonte Fría que da de beber ao río Ulla e calculamos os anos que pasaron dende que se construíu até que se fixo o lavadoiro que está ao seu carón.

Visitamos as casas de xente moi importante da aldea coma a de Rita, onde vive Natalia Barreiro Piñeiro, unha antiga alumna da escola que está a traballar nun centro de investigación elaborando unha vacina galega contra o covid que xa se está testando en Alemaña; a de Fortunato, o avó de Gabriel, que é o que máis sabe do arredor sobre as viñas, ou a casa dos avós de Clara, onde Senén e Carmiña nos amosaron todo un museo de apeiros de labranza e doutras curiosidade que tiñan no alpendre: xugo, arado, pesas, un molido (para levar a cesta na cabeza), atadores para atar os monllos de trigo, unha bota das de beber,..., e incluso un caínzo onde vivían as galiñas chocas feito polo bisavó de Xoel e Xiomara. Tamén puidemos saudar a Luís, bisavó de Enzo e Luca, vimos dende lonxe a casa de Andrea e a cuadra da súa egua Triana e entramos na de Lupe a ver a Regidora, o seu poldro Braco e as rulas.

No Bosque Encantado camiñamos con coidado sobre un chan brando coma un colchón na busca da cova do Dragón Colorado, atopamos unha cabana feita pol@s nen@s meses atrás que resistiu fronte as inclemencias do tempo, perseguimos ao Rukutrú e, cando xa pensabamos que o tiñamos atrapado, descubrimos que era Antonio agochado entre os fentos. A este paxaro trouleiro non conseguimos velo, pero si atopamos un agasallo que deixou para nós entre a maleza que saboreamos durante a parva. Na súa busca, tamén descubrimos algunhas tobeiras e un cranio dun animal pequeno. Pertencería a un coello? A unha marta? A un roedor? A un animal carnívoro? Como sería a súa vida? Comeríao o Dragón Colorado? Cantas preguntas sen resposta e que ganas de investigar para sabelas todas.

Despois de tomar a parva e de descansar un pouquiño para coller alento xogamos ao pi. Xa aprenderamos este xogo no patio da escola na clase de educación física, pero aquí foi moito máis divertido aproveitando a espesura do bosque para agocharnos tras as árbores e a vexetación. Iso si, tivemos que ter moito coidado ao correr para non tropezar cos fentos, paus ou raíces. Chamounos a atención que no chan había moitos restos da cortiza dos eucaliptos e aprendemos que se trata dunha árbore pirófita porque a súa “pel” é tan lixeira que voa co aire e propaga moi ben o lume.

Foi unha mañá incrible, cinco horas de actividade intensa onde ademais de desfrutar ao aire libre aprendemos un milleiro de cousas sobre a natureza e a nosa parroquia e todo iso reflectiuse no sorriso das nosas caras durante o camiño de volta á escola. Agardamos non tardar moito en volver repetir unha experiencia coma esta, pois seguro que quedan moitos segredos ocultos por descubrir en Sarandón e cun guía de luxo coma o que levamos non se nos poderán resistir. Non si Antonio?





domingo, 20 de junio de 2021

RUKUTRÚ 2020-2021

 Un ano máis chegou ó CRA a revista do Rukutrú. E como peculariedade trátase dun monográfico que xira arredor do proxecto que estivemos traballando anualmente sobre o Camiño de Santiago. Démoslle formato de xornal recollendo, nun producto final, as noticias dese fantástico telexornal das que foron protagonistas. Para abrila tedes que premer enriba da imaxe e para moverse pola presentación utilizar as frechas cursoras do teclado. Esperamos ca disfrutedes tanto coma nós!!! 

Na seguinte ligazón podedes velo de xeito pormenorizado:

rukutru portada


viernes, 18 de junio de 2021

EXTRA, EXTRA! ÚLTIMAS NOVAS

 O curso chega ao seu fin, e con el queremos dar mostra de todo o que fixemos en relación ao noso proxecto de centro sobre o Camiño de Santiago.



martes, 15 de junio de 2021

PREVENCIÓN E ESTRATEXIAS NO USO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS




Como nos estamos a preparar e a interesar tanto polos hábitos de vida saudables co noso PDC en centro, e vendo o gran auxe que tiveron as novas tecnoloxías no noso alumnado sendo tan pequeno, non quixemos deixar de formarnos nós e ás nosas familias do CRA na prevención do mal uso destas ferramentas. Grazas ao Concello de Boqueixón puidemos disfrutar desta xornadas tan proveitosa para todos e todas!!!

Contade con que o vindeiro curso volveremos a interesarnos por este tema e algo argallaremos para poder ir atallando futuros problemas e non esperar a que se fagan grandes e non teñan arranxo!!!

MERENDAS SAUDABLES!!!!


 Durante toooooodo o curso estivemos a traballar desde as escolas con toooodo o noso alumnado uns hábitos de vida saudables.

A pandemia e a situación que estamos a vivir así no lo esixiron e fixémonos expertos en lavar ben as mans, desinfectar todas as superficies e intentar manter as distancias de seguridade.

A parte de toooodo esto, procuramos ir máis alá e todos e todas insistimos e procuramos ter unha alimentación máis saudable. 

Para elo nas escolas, a través do  PDC "Xogade" e o Programa de froita e leite na escola, conseguimos pouco a pouco que as merendas que traemos ao cole sexan cada vez máis saudables e menos procesadas.

Aquí vos deixamos un pequeno exemplo do ben que comemos nos nosos recreos!!!





jueves, 10 de junio de 2021

FROITA E LEITE NA ESCOLA!!!!

                                          Programa froita e leite na escola 

Por primeira vez participamos no Programa escolar de consumo de froitas e leite na Escola!!! 

Estámonos a converter en rapaces e rapazas moi moi comprometidos con levar unha vida cada vez máis saudable. Si eramos emocionalmente saudables, agora xunto co Proxecto Educativo de Centro: Xogade, as nosas merendas saudables, e este novo Programa só podemos dicir que ESTAMOS ENCANTADOS!!!!!

Algúns descubrimos que nos gustaban froitas ás que lles tiñamos un pouco de tirria...e pódovos asegurar que nos gustou moito moitísimo a experiencia!!!








 

 








miércoles, 2 de junio de 2021

LETRAS GALEGAS 2021

 Este ano o día das Letras Galegas adicouse a Xela Arias. No noso centro achegámonos á obra desta artista: coñecendo un pouco da súa poesía, elaborando uns marcapáxinas e inventando palabras como facía a autora na súa primeira obra. Non podíamos deixar pasar a celebración do día das nosas letras e da nosa cultura sen desfrutar dunhas xornadas de xogos tradicionais: investigamos na páxina do Mupega aspectos interesantes sobre eles e puxémolos en práctica aproveitando o bo tempo.