Educando en Familia- O noso Lema

Educando en Familia-  O noso Lema

martes, 18 de abril de 2023

Ao Rebusque en Sarandón

 

“Erguinme ben cedo. Caladiño e de présa lisquei para o souto. Outros rapaces acostumaban ir tamén para o rebusque, pero ainda non chegara ningún.”

                                                            “Memorias dun neno labrego” de Xosé Neira Vilas

    En Sarandón continuamos a vella tradición de ir ó rebusque  polo campo da festa a mañán despois do festexo. Este ano foi o día despois da XLI Festa do Viño. O luns 17 de abril chegamos a escola e xa andaban os da cuadrilla da limpeza cos sopradores xuntando os restos da celebración da víspera.

    Na escola lemos e comentamos o capítulo “Rebusque” de “Memorias dun neno labrego” de X. Neira Vilas. Despois collemos uns bastóns e saimos para percorrer o campo da festa buscando os tesouros perdidos na celebración. Remexemos entre as herbas, miramos debaixo das mesas e dos bancos do pulpeiro, camiñamos o aparcadoiro, subimos e baixamos as escaleiras, andivemos por diante do palco e fomos recollendo do chan corchos, pulseiras, unha moeda de  2 céntimos  e un can rosa que ladra.

   O Pino Manso foi testigo da nosa pescuda seguindo as pegadas dunha tradición que ben de moi lonxe. Coma Balbino tamén soñamos con tesouros e descubrimos que os sopradores da limpeza foran coma a enchenta do río que lle levara a caixiña.

   Prometemos voltar ó rebusque despois das vindeiras festas, e Balbino virá con nós.

Velaiquí vos deixamos un resumo do que dou de si este rebusque:















No hay comentarios:

Publicar un comentario